Sunday 28 de April de 2024

Deputación e Plan Leader financiarán cerca de 168.000 euros en equipamento para A Fusquenlla


O alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinaron esta mañá o acordo de colaboración económica para o financiamento do novo equipamento que se vai instalar no centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla, situado en Moeche. O investimento total está cuantificado en 167.963,10€, que se destinarán á merca e posta en marcha de distintos aparellos de preparación, tratamento térmico e envasado nas liñas de horta, froita e mel coas que conta o centro, integrado na rede de espazos coworking da Deputación da Coruña. O organismo provincial achegará 80.000 euros, mentres que os preto de 88.000 euros restantes virán dos fondos europeos do Plan Leader xestionados pola AGADER a través do GDR Seitura 22. De feito, a solicitude presentada por San Sadurniño en nome dos catro concellos promotores do proxecto (tamén participan Moeche, Valdoviño e Cerdido) obtivo a máxima puntuación entre as iniciativas públicas non produtivas.

Tralo desenvolvemento de tres cursos formativos para persoas usuarias, o centro de transformación agroalimentaria está case a pleno rendemento sacando múltiples envasados de horta, ademais de zumes e outras elaboracións feitas con froitas da comarca.

Este 2023 foi o do impulso definitivo a unhas instalacións onde aínda falta por poñer en marcha a liña dedicada á extracción de mel e onde, ademais, a experiencia do día a día deixou patente a necesidade de mellorar o equipamento para diversificar as posibilidades do centro, pero tamén para axilizar procesos e incrementar aínda máis as garantías hixiénico-sanitarias de toda a produción, sexa para autoconsumo ou para atender os mercados de proximidade.

“Cando puxemos en marcha o centro destinamos a maior parte dos recursos ao edificio e a un equipamento básico co que poder botar a andar, aínda que xa sabiamos que co paso do tempo faría falla máis material. Os catro concellos optamos por agardar a que A Fusquenlla fose collendo ritmo e que as produtoras e produtores nos fosen comentando posibles melloras, antes de detallar todos os aparellos que agora se van mercar e instalar “, explica o Concelleiro de Desenvolvemento local, Manolo Varela.

Boa parte do investimento dedicarase á liña de produtos apícolas, adquirindo maquinaria para mover cargas, un conxelador, mangueiras e mobiliario específico, xunto con dispositivos que permitirán a obtención de pole e unha correcta decantación e maduración do mel antes do seu envasado.

Na área destinada ás elaboracións con produtos de horta e froita as dúas intervencións fundamentais van ser a adquisición dun autoclave (para coccións, esterilizacións e pasteurizacións) e dunha tixola basculante, “que facilitarán o traballo, aumentando a produtividade, a seguridade e a prevención de riscos”, comenta Varela.

Tamén se mercará un muíño para froita, unha licuadora, unha centrifugadora e unha deshidratadora, co cal se ampliará a gama de produtos que se poderán elaborar no centro. Destaca neste apartado a instalación dunha enchedora de líquidos de distintas densidades xunto cunha tapadora eléctrica de botellas e botes de varios diámetros.

Completan a relación de investimentos mobles, andeis e outro equipamento menor, ademais dun variador eléctrico para contar con corrente trifásica que mellore o rendemento dalgunhas das máquinas.

Esta lista da compra ascende a 167.963,10€. Unha cantidade que será financiada integramente cos 80.000 euros do convenio asinado hoxe na Deputación por Secundino García e Valentín González, pero tamén cos 87.963,10€ -o resto- obtidos a través da convocatoria de para proxectos públicos do Plan Leader xestionado polo GDR Seitura 22.